Saturday 18 de May de 2024

Cántigas da Terra, Alfredo Conde Cid, Xerardo Estévez Fernández, María Teresa Miras Portugal e Xosé Antonio Vilaboa Barreiro, galardoados coa medalla Castelao 2016


O coro Cántigas da Terra, o escritor e político Alfredo Conde Cid, o arquitecto, urbanista e ex alcalde de Santiago Xerardo Estévez Fernández, a bioquímica e neurocientífica María Teresa Miras Portugal, e o presidente da Federación Guipuzcoana de Casas Regionales, Xosé Antonio Vilaboa Barreiro son os galardoados este ano coa Medalla Castelao 2016.

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se concede esta distinción a aquelas galegas e galegos cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, considérase merecedora do recoñecemento de toda Galicia.

O presidente, Alberto Núñez Feijóo, trasladou a súa felicitación ás persoas e entidades recoñecidas, que cualificou como “homes e mulleres que son un exemplo vivo para as novas xeracións de galegos”.

Estas distincións serán entregadas, como cada ano, o vindeiro 28 de xuño.

CÁNTIGAS DA TERRA

O coro Cántigas da Terra fundouse en 1916, polo que este ano fai un século de existencia. Actuou por primeira vez no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Ao longo do seu século de vida, leva recollendo, arquivando e divulgando todas as manifestacións folclóricas galegas.

Nas actividades que realizaba nos seus primeiros anos podemos destacar as Exposicións Rexionais de Arte Galega, que reunían no Pazo Municipal de María Pita da Coruña as mellores obras pictóricas.

En 1934, Cántigas da Terra organizou unha xira por diversas provincias españolas e levou o noso folclore polos teatros máis importantes de toda España.

No ano 1954 o Coro acudiu á Bretaña francesa en representación de Galicia. De aí en adiante, o Coro segue a intervir de xeito periódico no Festival Intercéltico de Lorient.

Dentro deste mesmo obxectivo de levar a nosa cultura polo mundo, en 1980 visitou os Centros Galegos de varias cidades de Suíza, Alemaña e Francia.

As súas actuacións non se limitaron a Europa: Cántigas da Terra tamén chegou ata Bos Aires e Recife, en Brasil.

Ter amosado polo mundo enteiro a riqueza do noso patrimonio histórico, artístico e cultural válelle a este coro esta merecida distinción.

ALFREDO CONDE

Alfredo Conde estudou Náutica na Coruña e Historia en Santiago, e foi practicamente de todo: mariño, político, profesor, debuxante, libreiro, empregado de banca… El adoita dicir que foi todas estas cousas para poder ser o que quería desde neno: escritor.

Naceu dunha familia ilustrada. Do seu pai herdou o amor pola terra, pola lingua e as arelas de acadar o autogoberno.

Este soño puido vivilo en primeira persoa ao saír elixido deputado no primeiro Parlamento de Galicia, dentro das filas do PSdeG-PSOE. Foino durante 12 anos, ata 1993.

Dentro da súa andaina política, tamén foi conselleiro de Cultura con Fernando González Laxe; vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o primeiro presidente do PEN Club de Galicia.

Escribiu libros en galego, como “Breixo”, “Memoria de Noa” e “Xa vai o griffón no vento”, e en castelán, como “Los otros días”. E por eles obtivo premios como: o premio da Crítica de narrativa galega, o premio Ginzane Cavour de Turín, o premio Blanco Amor, o premio Nacional de Narrativa e o premio Nadal, entre outros.

Os seus libros foron traducidos a varias linguas, coma o inglés, italiano, chinés, francés e ruso.

XERARDO ESTÉVEZ

Sen este arquitecto urbanista, licenciado pola Escola Técnica Superior de Barcelona, sería imposible entender a cidade de Santiago de Compostela tal e como é hoxe en día.

Na década dos 70 fundou o colectivo Oikos, co que realizou traballos de investigación sobre arquitectura, planeamento urbanístico e patrimonio.

Ademais de arquitecto tamén foi un prominente político: ao igual que Alfredo Conde, tamén se sentou na bancada socialista do primeiro Parlamento de Galicia. Desde alí, participou na redacción da primeira Lei do Solo de Galicia.

Foi alcalde de Santiago desde o ano 1983 ata o 1998, cunha breve paréntese entre os anos 1986 e 1987.
Na súa dupla condición de alcalde e arquitecto, promoveu a conservación e a transformación de Santiago.

Durante o seu primeiro mandato, en 1985, a Unesco declarou Santiago Patrimonio da Humanidade e, máis adiante, en 1991, impulsou xunto á Xunta e ao Goberno central a creación do Consorcio de Santiago.

Entre 1993 e 1996 foi deputado no Congreso e desde 1999 volve exercer como arquitecto, conferenciante, escritor e profesor de másters en Urbanismo e Patrimonio.

Xerardo Estévez tamén é membro do Padroado do Museo Nacional de Arquitectura e Urbanismo.

MARÍA TERESA MIRAS PORTUGAL

Natural do Carballiño, estudou Farmacia na Universidade de Santiago e na Complutense de Madrid. Tamén se formou no Centro de Neuroquímica de Estrasburgo.

Leva máis de 40 anos dedicándose á investigación, especialmente no campo da neurociencia, onde se especializou no estudo dos receptores de nucleóticos e na súa repercusión en doenzas neurodexenerativas.

Miras Portugal publicou máis de 250 artigos en revistas especializadas.

Ademais de pasar pola Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, presidiu durante dous mandatos a Real Academia Nacional de Farmacia.

Entre os seus recoñecementos atópanse: un doutorado Honoris Causa pola Universidade Rei Juan Carlos de Madrid; a medalla Alberto Sols de investigación en Bioquímica, o premio María Wonenburger de Investigación Científica e o premio de Investigación Científica da Comunidade de Madrid.

En 2012 foi nomeada presidenta do Comité de Expertos para o estudio da necesidade de reforma na universidade española.

Na actualidade dirixe o departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular IV da Universidade Complutense de Madrid.

XOSÉ ANTONIO VILABOA BARREIRO

Xosé Antonio Vilaboa é un dos mellores embaixadores do Camiño de Santiago e da nosa cultura no exterior.

Preside a Federación Guipuzkoana de Casas Regionales e a Enxebre e Pelegrina Confraría da Queimada no País Vasco.

É presidente de honra da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, como tamén o foi da Casa de Galicia de Guipúzkoa. Igualmente, é socio de varias agrupacións galegas no País Vasco.

Traballou como enxeñeiro de camiños, algo que foi compaxinando coas súas facetas como escritor, debuxante, conferenciante e escultor. Deste modo, por exemplo, colaborou con Eduardo Chillida na elaboración do famosísimo Peine de los Vientos.